Benvidos á Fonsoteca!


Monday, 20 July 2009

Atenas-Estambul



Din que vale máis unha imaxe que mil palabras. Neste caso, mil imaxes non serían dabondo para sintetizar unha viaxe inesquecíbel polo mar Exeo. Pero aquí queda unha mostra do que foi esta "pequena aventura" que comezamos hai agora máis dun mes, entre o 15 e o 22 de xuño. Desde Atenas a Estambul, pasando por Creta, Rodas, Bodrum e Kusadasi. Un pracer para os sentidos! (e para seguir curioseando ollade esta selección fotográfica). 

Saturday, 25 April 2009

Francis Bacon no Museo del Prado








O pasado venres 17 de abril achegueime a Madrid para poder contemplar unha excelente exposición retrospectiva sobre a obra de Francis Bacon. Un total de 62 pinturas e obxectos de arquivo que se agrupaban seguindo unha orde cronolóxica e temática nas novas instalacións que amplían o Prado. Pagou a pena agardar na cola e soportar o frío case invernal que fixo esa mañá. Para mostra algunha foto, unha "clandestina" do interior e o folleto informativo da exposición. Describir con palabras algo que chega polos ollos é perda de tempo, pero foi unha das mellores exposicións de pintura que teño visto.

Thursday, 2 April 2009

Tardiña en Ponte de Lima





Paseando polas rúas e xardíns de Ponte de Lima unha tardiña soleada de domingo. Un pracer para quen guste da tranquilidade. Podedes ollar algúns dos encantos desta fermosa vila que pasa por ser a máis antiga de Portugal, nesta pequena mostra.

Thursday, 26 March 2009

Primavera





O zume renovado dos vexetais fai agromar as cores nas súas pólas espidas. O preludio dos nacementos, da luz e a calor, da beleza e as paixóns. Cambios, metamorfose insaciábel que ocultaba o inverno. Non é primavera porque o dicten os publicistas nin as multinacionais; é primavera porque flúe no noso interior unha nova ollada coa que afrontar a vida.