Benvidos á Fonsoteca!


Saturday, 27 September 2008

Experimentos coa "actionsampler"




Non o podo evitar, son un nostálxico da fotografía analóxica (sen desmerecer as vantaxes da dixital) e piquei o amocelo. Un novo vicio, un antoxo e unha "arma" para seguir coleccionando imaxes, así é o meu novo xoguete. A "actionsampler" é unha cámara analóxica, si, si, das de carrete! que fracciona a película en catro partes e consegue deste xeito uns resultados singulares, a maior parte das veces. Aquí teño unha pequena mostra cos resultados das primeiras "cacerías". A quen lle interese saber máis sobre estes cacharros pode ollar a www.lomo.com
(Unha desvantaxe: hai que gastar no revelado; unha vantaxe: non gasta batería, nin pilas)

Thursday, 4 September 2008

Cruceiro fálico en Martín (O Rosal)




No concello do Rosal (Pontevedra) atópase este enxebre modelo de cruceiro, asediado polo asfalto e o cada vez máis numeroso tráfico. A silueta desta fermosa escultura érguese orgullosa na encrucillada de camiños que concorre na subida a Martín, vindo pola estrada de Novás a Fornelos. Agardemos que siga en pé por moitos séculos e que non acabe amputado por algún vehículo, tendo en conta a vulnerabilidade da súa colocación nesa encrucillada de estradas e sen protección algunha.

planar




Vida: fantasía máis ou menos agre, máis ou menos doce da realidade.
Realidade: punto a veces cru, a veces seco, a veces xordo, a veces cego da vida.
Voar, vivir, sobrevoar, sobrevivir, soñar esperto ou morrer.
Planar sobre a luz pálida da mañá,
atravesando o ar,
o manto branco que oculta o ceo,
o manto azul que oculta as estrelas...