Benvidos á Fonsoteca!


Friday 20 November 2009

Lactarius deliciosus




Lactarius deliciosus ou máis comunmente chamado, "níscaro" (en castelán "níscalo"). É un dos cogomelos máis apreciados e coñecidos. Sombreiro alaranxado con bandas concéntricas lixeiramente viscoso. Látex e carne alaranxada que torna a verdosa.

Wednesday 18 November 2009

Sedutora natureza: Amanita muscaria



Amanita muscaria


Características:
Sombreiro: globoso ao principio, máis tarde convexo-estendido, de cor vermella viva con placas abrancazadas.
Pé: engrosado na base.
Anel: branco ou lixeiramente amarelado con restos flocosos nos bordos.
Volva: recubrindo exemplares novos.
Carne: cheiro e sabor inapreciábeis.
Esporas: ovoides, lisas, hialinas, non amiloides. Esporada de cor branca.

Especie responsable do Síndrome Micoatropínico:
  • Toxinas: MUSCINOL, ÁCIDO IBOTÉNICO
  • Periodo de incubación/duración: de 1/2 a 4 h. Ata 3 días de duración. Moi raras veces é letal. Efecto anticolinérxico (bloquean S.N. parasimpático).
  • Síntomas: gastrointestinais leves ou ausentes; neurolóxicos (midriase, delirio, alucinacións, embriaguez, borracheira atropínica).
  • Tratamento: vomitivos, soros (salino e glucosado). Calmantes (benzodiacepinas e barbitúricos). Fisostigmina (síntomas anticolinérxicos graves).
(Información recompilada no Curso Extraordinario sobre Micoloxía, impartido na Facultade de Farmacia da Universidade de Salamanca no ano 2006)

Monday 9 November 2009

XV Bienal de Cerveira




Baixo o lema A cultura do poder ou o poder da cultura, celebrouse este verán a XV edición da Bienal Internacional de Arte de Vila Nova de Cerveira. Un acontecemento con moita tradición no ámbito das artes plásticas, dentro e fóra das fronteiras do país veciño. Para ilustrarmos, aquí tedes unha breve selección de fotos tiradas nos pavillóns da sede principal na vila cerveirense.

Tuesday 29 September 2009

Tuesday 15 September 2009

Taller Internacional de Tendencias Cerámicas. Sargadelos 2009








Xa vai para un mes desde o remate do Taller de Sargadelos (do 3 ao 20 de agosto de 2009). Foi unha grata experiencia compartida por un pequeno grupo de case trinta persoas, entre participantes e organizadores. A fermosa paisaxe da Mariña Lucense e a hospitalidade das súas xentes puxo o resto para que a cita fose inesquecíbel, ah! e tamén a queimada. Para quedar cunha lixeira idea do que alí se viviu podedes ollar estas fotos tomadas desde o meu obxectivo e tamén outras máis que aparecen no blog de Sargadelos2009.

Monday 20 July 2009

Atenas-Estambul



Din que vale máis unha imaxe que mil palabras. Neste caso, mil imaxes non serían dabondo para sintetizar unha viaxe inesquecíbel polo mar Exeo. Pero aquí queda unha mostra do que foi esta "pequena aventura" que comezamos hai agora máis dun mes, entre o 15 e o 22 de xuño. Desde Atenas a Estambul, pasando por Creta, Rodas, Bodrum e Kusadasi. Un pracer para os sentidos! (e para seguir curioseando ollade esta selección fotográfica). 

Saturday 25 April 2009

Francis Bacon no Museo del Prado








O pasado venres 17 de abril achegueime a Madrid para poder contemplar unha excelente exposición retrospectiva sobre a obra de Francis Bacon. Un total de 62 pinturas e obxectos de arquivo que se agrupaban seguindo unha orde cronolóxica e temática nas novas instalacións que amplían o Prado. Pagou a pena agardar na cola e soportar o frío case invernal que fixo esa mañá. Para mostra algunha foto, unha "clandestina" do interior e o folleto informativo da exposición. Describir con palabras algo que chega polos ollos é perda de tempo, pero foi unha das mellores exposicións de pintura que teño visto.

Thursday 2 April 2009

Tardiña en Ponte de Lima





Paseando polas rúas e xardíns de Ponte de Lima unha tardiña soleada de domingo. Un pracer para quen guste da tranquilidade. Podedes ollar algúns dos encantos desta fermosa vila que pasa por ser a máis antiga de Portugal, nesta pequena mostra.

Thursday 26 March 2009

Primavera





O zume renovado dos vexetais fai agromar as cores nas súas pólas espidas. O preludio dos nacementos, da luz e a calor, da beleza e as paixóns. Cambios, metamorfose insaciábel que ocultaba o inverno. Non é primavera porque o dicten os publicistas nin as multinacionais; é primavera porque flúe no noso interior unha nova ollada coa que afrontar a vida.

Monday 16 March 2009

Entroido 2009





Aquí tedes unha pequena reportaxe do pasado Entroido vivido en Goián entre o 22 e o 24 de febreiro. Para os que o disfrutaron e para os curiosos que non o disfrutaron aquí vai unha escolla fotográfica.

Saturday 24 January 2009

"Road movie"




Unha odisea na autoestrada. Así foi a miña última viaxe a Salamaca, o pasado martes 20 de xaneiro. Mentres na Guarda a marusía parecía chegar con forza, no interior de Galiza o temporal traducíase en neve grazas ás baixas temperaturas, unha experiencia estética para os sentidos e un regalo para os amantes da paisaxe, non exento de perigos, como podedes apreciar nesta sucesión de imaxes que atoparecedes no meu álbum.

Tuesday 6 January 2009

Ko-llóns!

Hai anécdotas curiosas coas que nos imos atopando pola vida e que as veces resultan graciosas, algunhas especialmente hilarantes. Para ilustrarmos, aquí vai unha escolla de tres casos reais que teñen como denominador común o léxico e a linguaxe.
Por exemplo, isto ocorreu nunha tenda de roupa entre dúas adolescentes mentres se probaban uns "modelitos". Con toda a naturalidade do mundo unha delas espetou: "¡Huy! no sé si me gusta. Es un poco rellamante".
Noutro caso -isto xa fora de Galiza- na terraza dun bar a camareira ofreceunos unha escolla de tapas que foi nomeando de corrido e tan lixeiro falaba que un dos pratos pareceu soar a algo exótico: "laconalagallega". Claro, supuxen que o que nos ofrecera viña sendo lacón ao estilo galego.
E xa para rematar, voltando aos centros de ocio e consumo, mentres buscaba un cd nun deses estantes "tan ben organizados" para mostrar música, atopeime co nome dunha banda de hard rock que me deixou abraiado: "Danko Jones". Dan koJones?.
Se queredes saber algo máis desta banda tan "cojonuda" podedes escoitar e ollar na súa web: www.dankojones.com