Benvidos á Fonsoteca!


Saturday 6 December 2008

Calcetín



As cousas non son o que semellan ser, pero hai veces que poden ser o que nós desexemos.

Monday 17 November 2008

Estampa 08








Entre o 29 de outubro e o 2 de novembro celebrouse en Madrid a "16 Edición da Feira Internacional de Arte Múltiple Contemporánea", máis coñecida como "Estampa". As novas instalacións no recinto feiral Juan Carlos I (IFEMA), acolleron unha ampla variedade de obra gráfica, fotografía, escultura, vídeo e outras manifestacións artísticas relacionadas co gravado e a arte múltiple en xeral. Aquí mostro algunhas imaxes tomadas na feira o xoves 30 de outubro incluídas no meu álbum.

Saturday 27 September 2008

Experimentos coa "actionsampler"

A "actionsampler" é unha cámara analóxica, si, si, das de carrete! que fracciona a película en catro partes e consegue deste xeito uns resultados singulares, a maior parte das veces. Aquí teño unha pequena mostra cos resultados das primeiras "cacerías". A quen lle interese saber máis sobre estes cacharros pode ollar a www.lomo.com
(Unha desvantaxe: o revelado; unha vantaxe: non gasta batería, nin pilas)

Thursday 4 September 2008

Cruceiro en Martín (O Rosal)

No concello do Rosal (Pontevedra) atópase este enxebre modelo de cruceiro, asediado polo asfalto e o cada vez máis numeroso tráfico. A silueta desta fermosa escultura érguese orgullosa na encrucillada de camiños que concorre na subida a Martín, vindo pola estrada de Novás a Fornelos. Agardemos que siga en pé por moitos séculos e que non acabe amputado por algún vehículo, tendo en conta a vulnerabilidade da súa colocación nesa encrucillada de estradas e sen protección algunha.

planar




Vida: fantasía máis ou menos agre, máis ou menos doce da realidade.
Realidade: punto a veces cru, a veces seco, a veces xordo, a veces cego da vida.
Voar, vivir, sobrevoar, sobrevivir, soñar esperto ou morrer.
Planar sobre a luz pálida da mañá,
atravesando o ar,
o manto branco que oculta o ceo,
o manto azul que oculta as estrelas...

Friday 8 August 2008

Taller de Antonio López


Puerta del Alcázar
Fotografado mentres traballaba no primeiro tema

Antonio López organizando meticulosamente un dos bodegóns

Os alumnos de Antonio López e José Mª Mezquita

Unha vez máis, o pasado mes de xullo, achegueime á cidade de Ávila, nesta ocasión para participar no Taller de Antonio López. Foi un curso intensivo de 5 días de duración (entre o 21 e o 25 de xullo) pertencente á Cátedra Francisco de Goya, un proxecto artístico promovido pola Universidade Complutense de Madrid. Unha fructífera convivencia entre pintores e pintoras de diversa procedencia (Cuba, Uruguay, Bulgaria, Italia, Xapón, Cataluña, Andalucía...) onde aprendemos a valorar os diferentes enfoques dun mesmo plantexamento, a intercambiar ideas e, sobre todo, a escoitar os sabios consellos do mestre hiperrealista. Ademais, tivemos a sorte de compartir nos mesmos días as instalacións do Palacio Los Serrano con outro persoeiro da pintura figurativa, José Mª. Mezquita, xunto coa compañía dos seus alumnos.

Friday 18 July 2008

Gravado ao carborundo sobre polpa de papel no Taller de Pepe Fuentes


Palacio Los Serrano


Zona do taller onde se aplicaba a polpa e se deseñaban as matrices


Explicación práctica do mestre Pepe Fuentes

Unha das obras adquiridas por Caja de Ávila para formar parte do seu fondo artístico (medidas: 100 x 70 cm)


Desde o 30 de xuño e ata o 5 de xullo deste ano, asistín ao segundo obradoiro de gravado que José Fuentes Esteve impartía nas instalacións do Palacio Los Serrano en Ávila, baixo o título de "El grabado a color y la pulpa de papel". Alí puiden completar unha serie de cinco estampas realizadas coas técnicas combinadas do carborundo modular sobre polpa de papel. Foi unha agradable experiencia, na que compartiamos espazo un grupo de 15 artistas de distinta procedencia e condición, maioritariamente profesores universitarios. Todos interesados na aprendizaxe dos innovadores recursos técnicos que o catedrático e profesor de gravado na Facultade de Salamanca, Pepe Fuentes, foi explicando ao longo dos 6 días. A técnica basicamente consistía en artellar o deseño da polpa e dúas matrices, cadansúa con diferentes recursos. A regra de composición das imaxes tiña en conta a cor ou as cores básicas da polpa de papel, para logo buscar a complementariedade entre as diferentes cores das matrices e así formar un conxunto harmónico.

Monday 14 July 2008

Aveinte?



Curiosidades na estrada. Na provincia de Ávila, circulando pola N-501 en dirección a Salamanca, pódese atopar a 19 km da capital abulense esta singular e "contradictoria" sinalización, Aveinte e ao carón un sinal de 50. O nome desta aldea deriva, precisamente, da súa distancia respecto á capital da provincia. O que nos leva a unha pequena confusión: a canto se pode circular por esta travesía?, a cincuenta ou a vinte?.

Van Gogh na rúa




Relados polo tempo,
"os comedores de patacas"
devoran unhas chips con kétchup...

Ámsterdam

Friday 30 May 2008

Nova fiestra ao espazo persoal

Desde este novo recuncho quero mostrar algúns retazos da experiencia persoal acumulada a diario e que moitas veces acaba por esmorecer na trasfega cotiá da nosa sociedade estresada. Como quen se detén nunha folla caída no río ao tempo que se alonxa, arrastrada pola corrente...